Descrición

Cavidade natural de gran beleza e singularidade xeolóxica. Esta “igrexa” ou "altar" mariño consta dunha “cúpula” sostida por catro arcos, a través dos cales penetra a auga do Cantábrico. Foi esculpida polo vento e o mar nun filón de cuarcitas con intrusións de distintas variedades de cuarzo cristalizado, salpicando as súas paredes dunha paleta de cores diversa, mesturándose tons ocres, avermellados, verdosos e brancos. Toda unha obra monumental e artística da nai natureza. Atópase na zona xeolóxica do Perdouro, declarada de interese xeolóxico mundial. Pode descubrila pola súa propia conta, gozando da tranquilidade e soidade do lugar, ou en grupo anotándose ás didácticas e amenas xeorutas guiadas ao Perdouro, que organiza de balde o Concello de Burela ao longo do ano. Máis info: https://burela.org/gal/xeorutas-de-burela . Consulte calendario aquí: https://burela.org/sites/default/files/xeorutas_panel96x196cm_veran21_g… . Inscricións: https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com/2016/06/rutas-xeoloxicas-… (o prazo para anotarse ábrese 7 días antes da data de cada xeoruta). Prazas limitadas. MOI IMPORTANTE: Cando acceda á Igrexa de Coedo debe facelo con precaución, consultando previamente a táboa de mareas do día, evitando períodos de marea alta, cando chega a cubrirse polo mar. Visítea nos períodos onde a marea estea a baixar! Imprescindible calzado cómodo e axeitado (zona de cantos rodados e rochas, que poden atoparse húmidas). Recoméndase acceder desde as inmediacións da Lonxa, no porto de Burela.

Localización